Saturday 18 de May de 2024

Nava Castro destaca que o coñecemento do patrimonio termal constitúe un valor estratéxico para Galicia


A directora de Turismo de Galicia participou na presentación de ‘Los baños de clareo’, un libro de Manuel Martínez sobre a historia do Balneario de San Benito de Aguasantas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación de ‘Los baños de clareo’, un libro de Manuel Martínez sobre a historia do Balneario de San Benito de Aguasantas. O acto, que tivo lugar na aula Castelao da facultade de Medicina de Universidade de Santiago de Compostela, contou tamén coa presenza do decano de Medicina, Juan Jesús Gestal.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou a longa tradición do termalismo en Galicia. Nava Castro sinalou que a constancia escrita tanto literaria como epigráfica así como na toponimia galega reflicten a importancia que tiveron as augas termais nas vilas e cidades de Galicia.

Segundo explicou a responsable de Turismo da Xunta, o libro mostra unha das mellores épocas do termalismo galego -finais do século XIX e primeira década do século XX- na que nos balnearios foron un dos epicentros máis importantes da vida social e cultural de Galicia.

Nava Castro fixo referencia, así mesmo, ao estado actual do sector termal galego que conta, a día de hoxe, con máis dunha véntena de balnearios que posúen no seu conxunto sete clases de augas mineiro medicinais, das oito que existen no mundo. “Estamos ante unha época de apoxeo dos balnearios galegos onde podemos atopar diversos complexos termais convertidos en importantes centros de ocio e saúde”, afirmou.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia resaltou que a nosa comunidade está á cabeza de España no que se refire á oferta vinculada ao termalismo ao posuír o 20% da oferta termal de todo o Estado. Neste senso, sinalou que a oferta galega é de alta gama destacando que Galicia conta co 67% dos hoteis-balnearios de 4 e 5 estrelas e 8 dos 37 balnearios coa Q de Calidade que hai en España.

Por outra parte, Nava Castro destacou que o fomento e o coñecemento do patrimonio termal e das súas propiedades son un valor estratéxico para a nosa comunidade destacando. Nesta liña, destacou a aposta de Turismo de Galicia pola Cátedra de Hidroloxía Médica así como por outros estudos relacionados co termalismo. Así mesmo, resaltou novos proxectos como Termagal que permiten a estandarización da asistencia médica nos balnearios, “un paso mais para incrementar a satisfacción dos clientes”, afirmou.

Reclamo turístico
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o termalismo atrae a numerosos turistas e visitantes á nosa comunidade grazas á variada oferta da que dispón Galicia, adaptada a distintos gustos e preferencias.

Neste senso, Nava Castro afirmou que durante o pasado ano os establecementos de saúde e benestar aloxaron a máis de 392 mil viaxeiros aos que hai que engadir 177 mil clientes que utilizaron estas instalacións sen pernoctar nas mesmas.